Buscar este blog

domingo, 10 de abril de 2016

Visita ao Pazo de Faramello

O Pazo de Faramello, de fábrica de papel a Ruta da Camelia.


Hoxe aproveitamos para visitar o Pazo de Faramello que conta cun espazo natural e unha magnífica edificación. A construción é un Pazo do século XVIII que foi no seu día a primeira fábrica de papel en Galicia, construído polo Marqués de Piombino que chegou a terras de Compostela polo amor por unha moza galega.






Entre as singularidades deste Pazo está o bosque de Pedra, dende o que hai unha magnífica vista ós xardíns.





Hoxe en día este Pazo ofrece visita guiada polo seu herdeiro Gonzalo Rivero de Aguilar, descendente directo da familia, e forma parte da Ruta da Camelia. Pódense observar algúns exemplares de camelia, de árbores maxestuosos como a carballeira da entrada ó Pazo, acebo centenario, freixo de alto porte entre outros.

Aguja reptans na beira do río.

domingo, 3 de abril de 2016

Empezamos abril

Así comeza o mes de abril, con algún día de sol e outros nublados e con choiva... Aquí vos deixo unha mostra das flores que hai estes días: as camelias , a flor da ameixeira , as prímulas, os narcisos e a peonía. Unha alegría para os sentidos que a peonía botara flor.... pois aínda non lle temos o truco collido a esta fermosa planta.








Dende que me secou unha magnolia cristata que tiña neste espazo estou experimentando con outras plantas e coloquei desta vez unha árbore para substituíla que é un cornus. Darredor vou colocando distintas  plantas como azaleas, eucheras, hostas que están por brotar e agora ultimamente heléboros que eu mesma sementei..... A ver que sae daquí. O que quero é que me dea o mínimo mantemento, que as plantas medren sen eu ter que quitar as herbas malas...






Peonía

Bo domingo a todas...!



domingo, 27 de marzo de 2016

Paseo polo Pazo de A Saleta

Hoxe aproveitamos para visitar o Pazo A Saleta, un auténtico xardín botánico. A súa guía Silvia un encanto. Foi un placer descubrir este xardín. Aínda que está na Ruta da Camelia este xardín ten moito máis ca camelias, unha colección botánica de tódolos continentes e para todas as épocas do ano. A visita que dura unhas dúas horas é moi recomendable.





A historia deste pazo e deste xardín remóntase aos anos sesenta cando unha parella de británicos, o matrimonio Gibson compran esta propiedade que era un pazo de labranza cheo de viñas e comezan a traer especies de plantas de tódolos continentes, e así poder desenvolver a pasión pola xardinería.

Coa morte de R. Gibson e a imposibilidade de que Margaret puidese coidar tal extensión de xardín, ésta dividiu a propiedade en catro partes para vendelas. Unha destas partes chegou a mans das actuais propietarias Blanca Coladas e a súa filla Silvia Rodríguez que abriron este espazo ó publico e foron enriquecendo este xardín.

Estas son algunhas das floracións que nos encontramos nunha mañá do mes de marzo. As imaxes son de baixa calidade, a fermosura do xardín mellora todo o aquí amosado.



Aloe de Sudáfrica

Rododendro con floración amarela

Camelia nitidísima









sábado, 12 de marzo de 2016

Un día soleado que anuncia a primavera

!Que maravilla cando ven un día con sol! 
Despois do frío que pasamos esta temporada... un día coma éste  alegra a vida.  Qué hai con flor agora: as camelias reticulatas están  en plena floración e os narcisos e os crocus tamén.
Agora sí que se pode dicir que algo está cambiando... xa pronto virá a primavera. Os días son máis grandes e a a natureza empeza a despertar...




























 Aquí teño a peonía que  este ano me vai botar unha flor... !Qué ben! Parece que lle gusta o chan alcalino, polo que hai que botarlle cal, pois aquí son ácidos.